top of page
Buscar
Alberto

Propostas para o alumnado de 3º de EP

Actualizado: 22 mar 2020

A continuación, deíxolles diferentes propostas para esta semana para os nen@s de 3º de Educación Primaria, tratando de ter en conta as limitacións espaciais das vivendas, as posibles limitacións de materiais para a práctica así como de persoas á hora de facer as propostas.

Estas son diferentes propostas entre as que podedes escoller, non tedes que levalas todas á práctica. Recórdovos que as actividades serán voluntarias e non se poderán avaliar a nivel académico.

1. Xogo "O globo no aire".

Ínflase un globo e deberá mantelo no aire dándolle tan só coas mans. A continuación ir limitando diferentes partes corporais, só coa man dereita, agora só coa esquerda ou incluso só cos pés. Variante: Probar a mantelo no aire só golpeándoo coa cabeza e logo soprando. Traballo do control do propio corpo, autocoñecemento e lateralidade.

2. Xogo "Baila como...".

Con música de fondo, iremos indicándolles aos nenos diferentes situacións que imitarán mentres bailan, por exemplo "bailar coma se tivesemos os pés moi grandes", "bailar coma se fósemos formigas", "bailar coma se nos pesaran moito os brazos", ... . Traballo de diferentes partes do corpo, autocoñecemento e lateralidade así como expresión corporal.


3. Xogo "Estatuas musicais".

Ponse de fondo unha canción e o neno móvese libremente polo espazo. Cando se para a música, este ten que deterse sen moverse ata que se reanude a canción. Probar con cancións con diferentes ritmos. Búscase un traballo do autocontrol, do desprazamento e a coordinación así como do equilibrio estático.

4. Os birlos

Pódese facer con botellas de plástico de auga e cunha pelota. Por exemplo 5 botellas de auga vacías ou con 1/3 de auga. Colócanse as botellas e establécese un punto de lanzamento. Por cada botella que se tire pode sumarse 1 punto e se se tiran todas 10 puntos. pódense pactar e variar as puntuacións e diminuír ou ampliar a distancia de lanzamento. Variante: agora facer os lanzamentos co pé. Preténdese un traballo da coordinación óculo - manual así coma da coordinación.


5. Tres en raia

Podedes elaborar o voso propio taboleiro cun cartón ou ben cunha folla. A continuación cada xogador deberá ter 3 obxectos iguais e da mesma cor (por exemplo tapóns contra moedas). Trátase de conseguir como indica o nome o tres en raia. Podedes xogar ao mellor de cinco partidas. Traballo da organización espazo - temporal, coordinación óculo - manual e da relaxación cun xogo de mesa.

6. Xogo "A petanca".

Pódense elaborar as bolas con papeis de periódico e precinto. A continuación colocar un pequeno obxecto de outra cor (que fará de boliche). Establecer unha distancia de lanzamento. A continuación, cada persoa terá 3 bolas para lanzar. O obxectivo consiste en tentar aproximarse o máximo ao boliche. Variante: Lanzar arrastrando a bola polo chan. Traballo da cordinación óculo - manual, da coordinación e dos lanzamentos.


7. Xogo "Muk". Un xogo canadiense no que se precisa que a persoa adulta xogue co neno. A persoa adulta que asume rol di "muk!" mentres que o neno debe permanecer en silencio. A persoa adulta fai todo tipo de xestos (sen falar) tratando de que o neno ría. Logo cambiar de rol e que o faga o neno. Preténdese un traballo do autocrontrol, autocoñecemento e expresión de emocións.

8. Xogo "A corda".

Con 2 botes de iogur líquido e un anaco de corda ou lá poden construír a súa propia corda. Que formas de saltos podedes propoñer?, Sodes capaces de saltar máis dunha persoa á vez?, Cal é o número máximo de saltos que conseguístedes?, Sodes capaces de saltar dándolle á corda para atrás?. Ánimo!

Traballo de saltos, cordinación así como da autoconfianza.


9.Descúbreo!

Precisase de outra persoa que participe. Neste caso unha das persoas comeza imitando unha profesión e a outra ten que intentar descubrila. Logo cambiar de rol. Variantes: Facelo con animais ou con emocións e sentimentos.

Traballo do autocoñecemento, emocións, desinhibición e expresión corporal.

10. Baile de Queen

Como sei que aos nenos e nenas de 3º vos gusta moito o rock & roll xa que en distintas ocasións me tedes falado dos Rolling Stones, ACDC ou de Queen aquí vos deixo un vídeo para que fagades a vosa propia coreografía desta canción do grupo Queen. O vídeo é tan só para que vexades ideas que podedes incorporar á vosa coreografía, non tedes que facelo igual. Aquí engado o enlace:

Traballo da expresión corporal, da cordinación, da autoconfianza e da desinhibición.


11. Xogo "A formiga e o león".

Amosaríamos como respira cada un. A formiga é pequena e respira amodo e lento, mentres que o león é forte e grande e necesita respirar máis forte e rápido. Aprender que a respiración adecuada é a da formiga. Traballo de respiración e relaxación xunto co autocoñecemento e autocontrol.


12. A roda da masaxe

Nesta proposta precisan dunha persoa adulta da casa. Trátase de facer unha masaxe nas costas da outra persoa. Pode comezar o nen@ e logo cambiar de rol. Pode unirse toda á familia á roda da masaxe. Animádevos! Traballo do autocontrol, do coñecemento do noso corpo así como da relaxación.

Agardo que os recursos lles sexan de utilidade.

Un saúdo.

Alberto

31 visualizaciones0 comentarios

Comments


Post: Blog2_Post
bottom of page