A continuación, deíxolles novas propostas para esta semana para os nen@s de 5º de Educación Primaria, tratando de ter en conta as limitacións espaciais das vivendas, as posibles limitacións de materiais para a práctica así como de persoas á hora de facer as propostas.
Estas son diferentes propostas entre as que podedes escoller, non tedes que levalas todas á práctica, tendo en conta os aspectos individuais de cada caso que comentaba anteriormente. Recórdovos que as actividades serán voluntarias e non se poderán avaliar a nivel académico.
1. Actívate!
Deíxovos unha nova proposta de quecemento cun vídeo de Gymvirtual, no que podedes seguir diferentes exercicios de quecemento para activar o voso corpo durante este período. Podes facelo todos os días para mantervos en plena forma! Traballo de coordinación, desprazamentos, saltos, entre outos.
2. Pelotas malabares
Os nen@s poden facer as súas propias pelotas malabares con globos e grans de arroz. Logo poden facer diferentes xogos manipulativos con elas, por exemplo o das pelotas malabares, intentando mantelas no aire sen que caian ao chan. Traballo da coordinación óculo - manual, autoconfianza e creación dos propios materiais de xogo.
Aquí o enlace dun vídeo no que explica de xeito moi claro os pasos a seguir:
3. O penalti de balonmán
Norma: lanzar coa man. Nesta actividade podedes facer unha pelota con papel de periódico e cinta. Establecedes un punto de lanzamento e marcades unha portería por exemplo con dúas botellas ou outros dous obxectos. A continuación tirades o penalti tratando de meter gol. Variante: Podedes facelo cunha persoa na portería. Lanzar con ambas mans (tamén coa menos hábil motrizmente). Estou seguro que meteredes moitos goles!! Traballo da coordinación óculo - manual, dos lanzamentos e recepcións e da lateralidade.
4. Bailamos...nova coreo!
Os nen@s bailaran libremente esta canción coa finalidade de gozar e expresarse a través do movemento.
Traballo da desinhibición, expresión corporal, autoconfianza e autoestima.
Aquí o enlace dun novo vídeo dunha coreografía! Son só algunhas ideas, vós podedes facer os vosos propios pasos.
Quero vervos bailando!! Animádevos!
Incluso podedes gravarvos e logo ver o resultado! Será fantástico!
5. O reloxo
Precisamos dunha persoa adulta ademais dunha corda ou dunha variña pequena.
Facer coma os movementos dunha agulla do reloxo a unha altura próxima ao chan e o nen@ cando lle vaia "a agulla" deberá salta sen tocala. Traballo dos saltos e da coordinación.
6. As 7 e media
Pódese elaborar nun taboleiro ou nunha folla de papel. O ideal sería poder facelo no chan, para o que poderíamos empregar por exemplo cinta adhesiva. Faríase a seguinte disposición:
Precisamos de tapóns de botellas.
A continuación, establecemos unha distancia de lanzamento e dende aí temos que tratar de conseguir coa suma dos diferentes lanzamentos "as 7 e media". Se o tapón queda encima dunha liña o seu valor é media.
Non podemos pasarnos de puntuación das 7 e media.
Variante: conseguir as 7 e media no menor número de lanzamentos posible.
Traballo dos lanzamentos, da coordinación óculo - man e coñecemento dun xogo tradicional de Galicia.
7. Pedra, papel e tesoira
Nesta actividade precísase dunha persoa adulta. O xogo consiste no tradicional pedra, papel e tesoira sacando as dúas persoas a man á vez e facendo o xesto característico que representa cada unha das opcións. Podedes establecer que gañe a persoa que antes consiga 3 puntos. Traballo da relaxación, do autocontrol e da confianza.
8. A pita cega
Nesta proposta precisamos de dúas persoas adultas. Temos que taparlle os ollos ao nen@ cun pano para que non poida ver.
A continuación darémoslle un par de voltas sobre si mesm@ e logo unha vez que se aproxime ás dúas persoas adultas (estar preto para evitar que choque con algún obxecto se non temos o suficiente espazo) terá que tratar de recoñecer á persoa á que lle está tocando coas súas mans na cara.
En caso de non poder facelo con dúas persoas adultas pódese facer con obxectos que teña que recoñecer o nen@.
Preténdese un traballo de autocrontrol, de exploración a través dos sentidos, da relaxación e do autocoñecemento.
9. Nova sesión de ioga
Aquí vos deixo unha nova sesión de ioga na que se traballa a relaxación, a respiración, a flexibilidade e o control postural, o autocontrol ou a canalización de enerxía entre outros aspectos. Agardo que vos guste.
10. Reto: o limbo
Para esta semana deíxovos un reto, consiste en facer o xogo do limbo. Para iso podedes empregar por exemplo, dende o mango dunha basoira ata un fío de lá. Consiste en que tedes que pasar por debaixo del sen tocarlle. Conseguirédelo?
Traballo da coordinación, flexibilidade e control postural.
11.Vídeos de Ricky Rubio
A continuación deíxovos o enlace de dous vídeos moi interesantes sobre o xogador de baloncesto Ricky Rubio. No que reflexiona sobre as cousas realmente importantes.
Como vedes, o deporte non o é todo, nin moito menos o gañar ou perder... hai cousas moitísmo máis importantes.
Neste segundo vídeo, Ricky Rubio fálanos da importancia do traballo, do esforzo ou de aprender a perder.
12. Presentación sobre BALONMÁN
A continuación deíxovos o enlace dunha presentación que elaborei coas principais regras e os aspectos máis relevantes dun deporte como é o balonmán.
Tamén hai varios vídeos coas mellores paradas e goles tanto de balonmán feminino coma masculino. Agardo que sexa da vosa utilidade.
Traballo relacionado co coñecemento dun deporte como o balonmán co que xa traballamos nas sesións de EF.
Agardo que vos poidan ser de utilidade estes recursos. Poden comunicarse comigo a través deste blog, o espazo abalar ou dos enderezos electrónicos:
albertovf@edu.xunta.gal e albertovfeducacionfisica@gmail.com
Poden sacar fotos das actividades ou mesmo gravar os resultados e enviarmos.
Grazas pola súa colaboración e saúdos!
Alberto
Comments