top of page
Buscar
Alberto

Proposta semanal 3 para o alumnado de 3º de EP

A continuación, deíxolles novas propostas para esta semana para os nen@s de 3º de Educación Primaria, tratando de ter en conta as limitacións espaciais das vivendas, as posibles limitacións de materiais para a práctica así como de persoas á hora de facer as propostas.

Estas son diferentes propostas entre as que podedes escoller, non tedes que levalas todas á práctica, tendo en conta os aspectos individuais de cada caso que comentaba anteriormente. Recórdovos que as actividades serán voluntarias e non se poderán avaliar a nivel académico.


1. Actívate!

Nesta proposta deíxovos o enlace dun vídeo de Gymvirtual, no que podedes seguir diferentes exercicios de quecemento para activar o voso corpo durante este período. Traballo de coordinación, desprazamentos, saltos, entre outos.

2. O penalti de balonmán

Norma: lanzar coa man. Nesta actividade podedes facer unha pelota con papel de periódico e cinta. Establecedes un punto de lanzamento e marcades unha portería por exemplo con dúas botellas ou outros dous obxectos. A continuación tirades o penalti tratando de meter gol.

Variante: Podedes facelo cunha persoa na portería. Lanzar con ambas mans (tamén coa menos hábil motrizmente).

Estou seguro que meteredes moitos goles!!

Traballo da coordinación óculo - manual, dos lanzamentos e recepcións e da lateralidade.


3. Pelotas malabares

Os nen@s poden facer as súas propias pelotas malabares con globos e grans de arroz. Logo poden facer diferentes xogos manipulativos con elas, por exemplo o das pelotas malabares, intentando mantelas no aire sen que caian ao chan.

Traballo da coordinación óculo - manual, autoconfianza e creación dos propios materiais de xogo.

Aquí o enlace dun vídeo no que explica de xeito moi claro os pasos a seguir:


4. Nova sesión de ioga

Aquí vos deixo un novo enlace cunha segunda sesión de ioga para nen@s neste caso de Nicole Huber, na que se traballa a relaxación, a respiración, a flexibilidade e o control postural, o autocontrol ou a canalización de enerxía entre outros aspectos. Agardo que vos guste.

5. Bailamos...nova coreo!

Os nen@s bailaran libremente esta canción coa finalidade de gozar e expresarse a través do movemento.

Traballo da desinhibición, expresión corporal, autoconfianza e autoestima.

Aquí o enlace dun novo vídeo dunha coreografía! Son só algunhas ideas, vós podedes facer os vosos propios pasos. Quero vervos bailando!! Animádevos! Estas son só algunhas ideas, sei que vós sodes capaces de crear os vosos propios pasos!! Incluso podedes gravarvos e logo ver o resultado! Será espectacular!


6. Combate pirata!

Precísase dunha persoa adulta para formar unha parella e xogar entre dúas persoas. En cuclillas fronte a fronte, empuxándose e tratando de derribar á outra persoa, nun espazo no que non haxa nin obxectos nin esquinas cos que golpearse. Tan só usar as mans. Se caen as dúas persoas, non haberá vencedor/a.

Traballo da forza, equilibrio e coordinación.


7. Wol - wol

Xogo de Papúa Nova Guinea. O nen@ ten que estar de pé e coas mans pegadas ao corpo. Ao sinal de "Xa" deben xirar e desprazarse sobre o seu eixe lonxitudinal ao mesmo tempo e na mesma dirección. Ao sinal de "Stop" teñen que deterse. Deben permanecer quiet@s sen caer ao chan mantendo o equilibrio. recísase dunha persoa adulta para formar unha parella e xogar entre dúas persoas.Traballo dos xiros, do equilibrio e do autocontrol do propio corpo.


8. As 7 e media

Pódese elaborar nun taboleiro ou nunha folla de papel. O ideal sería poder facelo no chan, para o que poderíamos empregar por exemplo cinta adhesiva. Faríase a seguinte disposición:

Precisamos de tapóns de botellas.

A continuación, establecemos unha distancia de lanzamento e dende aí temos que tratar de conseguir coa suma dos diferentes lanzamentos "as 7 e media". Se o tapón queda encima dunha liña o seu valor é media.

Non podemos pasarnos de puntuación das 7 e media.

Variante: conseguir as 7 e media no menor número de lanzamentos posible.

Traballo dos lanzamentos, da coordinación óculo - man e coñecemento dun xogo tradicional de Galicia.


9. A caixa comeboliñas

Precisamos dunha caixa de zapatos. Na parte superior da caixa que podemos separar da parte inferior, temos que facer un pequeno buraco pola parte interior desta, aproximadamente á altura da metade na caixa.

Logo faremos 5 pelotiñas de papel de periódico con cinta (teñen que coller polo furado que fixemos).

A continuación, o nen@ colle a parte superior da caixa e deixando as pelotas dentro dela, ten que tratar de metelas polo buraco e que caian na parte inferior da caixa.

O nen@ tamén pode facer un debuxo na parte de dentro da caixa.

Traballo da coordinación óculo - man e creación dos propios materiais de xogo.


10. Pedra, papel e tesoira

Nesta actividade precísase dunha persoa adulta. O xogo consiste no tradicional pedra, papel e tesoira sacando as dúas persoas a man á vez e facendo o xesto característico que representa a cada unha das opcións. Podedes establecer que gañe a persoa que antes consiga 3 puntos. Traballo da relaxación, do autocontrol e da confianza.


11. A pita cega

Nesta proposta precisamos de dúas persoas adultas. Temos que taparlle os ollos ao nen@ cun pano para que non poida ver. A continuación darémoslle un par de voltas sobre si mesm@ e logo unha vez que se aproxime ás dúas persoas adultas (estar preto para evitar que choque con algún obxecto se non temos o suficiente espazo) terá que tratar de recoñecer á persoa á que lle está tocando coas súas mans na cara.

En caso de non poder facelo con dúas persoas adultas pódese facer con obxectos que teña que recoñecer o nen@.

Preténdese un traballo de autocrontrol, de exploración a través dos sentidos, da relaxación e do autocoñecemento.


12. Presentación sobre O BRILÉ

A continuación deíxovos o enlace dunha presentación que elaborei coas principais regras e os aspectos máis relevantes dun xogo co que xa traballamos e que sei que vos gusta moito, o brilé. Tamén hai un pequeno vídeo. Agardo que sexa da vosa utilidade.

Traballo relacionado co coñecemento dun xogo de cooperación - oposición co que xa traballamos nas sesións de EF.

Enlace:

Agardo que vos poidan ser de utilidade estes recursos. Poden comunicarse comigo a través deste blog, o espazo abalar ou dos enderezos electrónicos:

albertovf@edu.xunta.gal e albertovfeducacionfisica@gmail.com

Poden sacar fotos das actividades ou mesmo gravar os resultados e enviarmos.

Grazas pola súa colaboración e saúdos!


Alberto

41 visualizaciones0 comentarios

Comments


Post: Blog2_Post
bottom of page