A continuación, deíxolles novas propostas para esta semana para os nen@s de 2º de Educación Primaria, tratando de ter en conta as limitacións espaciais das vivendas, as posibles limitacións de materiais para a práctica así como de persoas á hora de facer as propostas.
Estas son diferentes propostas entre as que podedes escoller, non tedes que levalas todas á práctica, tendo en conta os aspectos individuais de cada caso que comentaba anteriormente. Recórdovos que as actividades serán voluntarias e non se poderán avaliar a nivel académico.
1. As cores
Os nen@s desprázase libremente polo espazo e a persoa adulta di diferentes cores. Se por exemplo di amarelo, o nen@ ten que tocar algo de cor amarelo o máis rápido posible e así sucesivamente. Traballo dos desprazamentos e da organización espacial.
2. Equilibristas
Cun pequeno saquiño, ou algún obxecto pequeno similar que o nen@ poida transportar. Ten que levalo en diferentes partes do seu corpo e desprazarse sen que lle caia ao chan. Se lle cae ao chan volve colocalo e continúa cos desprazamentos. Empezaremos desprazándonos co "saquiño" na cabeza e logo ir cambiando as partes do corpo (cóbado dereito, man esquerda, ...). Traballo dos desprazamentos, o control postural e lateralidade.
3.Sesión de Ioga
Aquí vos deixo un enlace dunha sesión de ioga para nen@s, na que se relacionan as diferentes posturas con distintos animais. A través desta sesión traballamos a relaxación, a respiración, a flexibilidade e o control postural, o autocontrol ou a canalización de enerxía entre outros aspectos. Agardo que vos guste.
4. O penalti de fútbol
Nesta actividade podedes facer unha pelota con papel de periódico e cinta. Establecedes un punto de lanzamento e marcades unha portería por exemplo con dúas botellas ou outros dous obxectos. A continuación tirades o penalti tratando de meter gol.
Variante: Podedes facelo cunha persoa na portería. Lanzar con ambas pernas (tamén coa menos hábil motrizmente).
Estou seguro que meteredes moitos goles!!
Traballo da coordinación óculo - pe, dos lanzamentos e recepcións e da lateralidade.
5. Lanzamentos a canastra
Con papeis de periódico e cinta podemos elaborar a nosa propia pelota. Logo precisamos dunha papeleira ou un cubo que nos fara de canastra. Dende unha distancia determinada lanzamos. Cada vez que anotemos vale 1 punto. O obxectivo é conseguir 10 puntos.
Podedes incrementar a dificultade ampliando a distancia de lanzamento.
Traballo da coordinación óculo-manual, desprazamentos e confianza.
6. As chapas
Neste xogo pódese facer un recorrido cun bolígrafo/rotulador sobre un cartón ou folla de papel ou mesmo facer un pequeno circuíto no chan con algún material como fio de lá, cinta adhesiva ou mesmo delimitándoo con outros obxectos.
Logo, débese recorrer o circuíto con chapas (pódense cambiar por tapóns de botellas).
Se xogades de forma individual podedes pintar os tapóns de distintas cores e facer unha carreira, golpeando cada vez un tapón. Gañaría a cor coa que antes crucedes a meta.
Variante: facer unha carreira con outra persoa tendo cada unha a súa chapa.
Traballo da coordinación óculo - manual e da organización espacial.
7. Pelotas malabares
Os nen@s poden facer as súas propias pelotas malabares con globos e grans de arroz. Logo poden facer diferentes xogos manipulativos con elas, por exemplo o das pelotas malabares, intentando mantelas no aire sen que caian ao chan.
Traballo da coordinación óculo - manual, autoconfianza e creación dos propios materiais de xogo.
Aquí o enlace dun vídeo no que explica de xeito moi claro os pasos a seguir:
8. Bailamos
Os nen@s bailaran libremente esta canción coa finalidade de gozar e expresarse a través do movemento.
Traballo da desinhibición, expresión corporal, autoconfianza e autoestima.
Aquí o enlace dun novo vídeo con algúns pasos ou ideas para os nen@s de 2º!!
Estas son só algunhas ideas, vós podedes crear os vosos propios pasos!! Animádevos!!
9. Misión imposible
Nun corredor da casa podemos facer a seguinte proposta. Precisamos de cinta para colocala en ambos lados da parede, coma se fose unha especie de alarma que o nen@ ten que sortear ata chegar ao final do recorrido. Deíxovos un enlace no que vedes o exemplo de xeito máis claro. Traballo dos desprazamentos, a coordinación, a flexibilidade e o control postural entre outros.
10. Pedra, papel e tesoira
Nesta actividade precísase dunha persoa adulta. O xogo consiste no tradicional pedra, papel e tesoira sacando as dúas persoas a man á vez e facendo o xesto característico que representa a cada unha das opcións. Podedes establecer que gañe a persoa que antes consiga 3 puntos. Traballo da relaxación, do autocontrol e da confianza.
11. Memory
Nesta actividade precisades de 20 tarxetiñas ou papeis dun tamaño igual. Tedes que debuxar en cada unha delas (facer en cada dúas o mesmo debuxo, é dicir, facendo parellas). A continuación, poñerédelas boca abaixo na mesa, mezclarédelas e tedes que tratar de ir descubrindo as que son parellas. Variante: facelo con máis tarxetas, ou con números no lugar de debuxos. Traballo da memoria e da confianza.
12. A pita cega
Nesta proposta precisamos de dúas persoas adultas. Temos que taparlle os ollos ao neno cun pano para que non poida ver. A continuación darémoslle un par de voltas sobre si mesmo e logo unha vez que se aproxime ás dúas persoas adultas (estar preto para evitar que choque con algún obxecto se non temos o suficiente espazo) terá que tratar de recoñecer á persoa á que lle está tocando coas súas mans na cara.
En caso de non poder facelo con dúas persoas adultas pódese facer con obxectos que teña que recoñecer o neno.
Preténdese un traballo de autocrontrol, de exploración a través dos sentidos, da relaxación e do autocoñecemento.
Agardo que vos poidan ser de utilidade estes recursos. Poden comunicarse comigo a través deste blog, o espazo abalar ou dos enderezos electrónicos:
albertovf@edu.xunta.gal e albertovfeducacionfisica@gmail.com
Poden sacar fotos das actividades ou mesmo gravar os resultados e enviarmos.
Grazas pola súa colaboración e saúdos!
Alberto
Ola!!
Moi boa proposta Unai e Eneko!! A verdade que me gusta moito a idea!
A vosa creatividade nestes momentos é unha ferramenta moi importante para buscar novos xogos e manternos activ@s durante este tempo!
Coidádevos e un saúdo!!
hola, somos Unai e Eneko., hoxe xogamos a ser equilibristas, fixemolo cunha culler e en vez dun ovo de galiña, mama fixonolo con plastelina, tamen o levamos nos pes. un saudo