A continuación, deíxolles novas propostas para esta semana para os nenos de 1º de Educación Primaria, tratando de ter en conta as limitacións espaciais das vivendas, as posibles limitacións de materiais para a práctica así como de persoas á hora de facer as propostas.
Estas son diferentes propostas entre as que podedes escoller, non tedes que levalas todas á práctica, tendo en conta os aspectos individuais de cada caso que comentaba anteriormente. Recórdovos que as actividades serán voluntarias e non se poderán avaliar a nivel académico.
1. Misión imposible
Nun corredor da casa podemos facer a seguinte proposta. Precisamos de cinta para colocala en ambos lados da parede, coma se fose unha especie de alarma que o neno ten que sortear ata chegar ao final do recorrido. Deíxovos un enlace no que vedes o exemplo de xeito máis claro. Traballo dos desprazamentos, a coordinación, a flexibilidade e o control postural entre outros.
2. O gran verme
Xogo no que o neno debe desprazarse polo espazo reptando polo chan sen chocar contra ningún obxecto ata que a persoa adulta grite "Stop" nese intre o neno debe quedarse "conxelado". Cando a persoa adulta dea unha palmada, o neno volve a desprazarse. Traballo dos desprazamentos e da organización espacial.
3. Equilibristas
Cun pequeno saquiño, ou algún obxecto pequeno similar que o neno poida transportar. Ten que levalo en diferentes partes do seu corpo e desprazarse sen que lle caia ao chan. Se lle cae ao chan volve colocalo e continúa cos desprazamentos. Empezaremos desprazándonos co "saquiño" na cabeza e logo ir cambiando as partes do corpo (cóbado dereito, man esquerda, ...). Traballo dos desprazamentos, o control postural e lateralidade.
4.Sesión de Ioga
Aquí vos deixo un enlace dunha sesión de ioga para nenos, na que se relacionan as diferentes posturas con distintos animais. A través desta sesión traballamos a relaxación, a respiración, a flexibilidade e o control postural, o autocontrol ou a canalización de enerxía entre outros aspectos. Agardo que vos guste.
4. O penalti de fútbol
Nesta actividade podedes facer unha pelota con papel de periódico e cinta. Establecedes un punto de lanzamento e marcades unha portería por exemplo con dúas botellas ou outros dous obxectos. A continuación tirades o penalti tratando de meter gol.
Variante: Podedes facelo cunha persoa na portería. Lanzar con ambas pernas (tamén coa menos hábil motrizmente).
Estou seguro que meteredes moitos goles!!
Traballo da coordinación óculo - pe, dos lanzamentos e recepcións e da lateralidade.
5. Tres en raia
Podedes elaborar o voso propio taboleiro cun cartón ou ben cunha folla. A continuación cada xogador deberá ter 3 obxectos iguais e da mesma cor (por exemplo tapóns contra moedas). Trátase de conseguir como indica o nome o tres en raia. Podedes xogar ao mellor de cinco partidas. Traballo da organización espazo - temporal, coordinación óculo - manual e da relaxación cun xogo de mesa.
6. As chapas
Neste xogo pódese facer un recorrido cun bolígrafo/rotulador sobre un cartón ou folla de papel ou mesmo facer un pequeno circuíto no chan con algún material como fio de lá ou cinta adhesiva ou mesmo delimitándoo con outros obxectos.
Logo, débese recorrer o circuíto con chapas (pódense cambiar por tapóns de botellas).
Se xogades de forma individual podedes pintar os tapóns de distintas cores e facer unha carreira, golpeando cada vez un tapón. Gañaría a cor coa que antes crucedes a meta.
Variante: facer unha carreira con outra persoa tendo cada unha a súa chapa.
Traballo da coordinación óculo - manual e da organización espacial.
7. Bailamos...nova coreo!
Os nenos bailaran esta canción coa finalidade de gozar e expresarse a través do movemento.
Traballo da desinhibición, expresión corporal, autoconfianza e autoestima.
Aquí o enlace dun vídeo cos pasos! Sei que coñecedes esta canción así que quero vervos bailando e saltando!! Moito ánimo!!!
8. Lanzamentos a canastra
Con papeis de periódico e cinta podemos elaborar a nosa propia pelota. Logo precisamos dunha papeleira ou un cubo que nos fara de canastra. Dende unha distancia determinada lanzamos. Cada vez que anotemos vale 1 punto. O obxectivo é conseguir 10 puntos.
Traballo da coordinación óculo-manual, desprazamentos e confianza.
9. Wol -wol
Xogo de Papúa Nova Guinea. O neno ten que estar de pé e coas mans pegadas ao corpo. Ao sinal de "Xa" deben xirar e desprazarse sobre o seu eixe lonxitudinal ao mesmo tempo e na mesma dirección. Ao sinal de "Stop" teñen que deterse. Deben permanecer quietos sen caer ao chan. Traballo do xiros, do equilibrio e do autocontrol do propio corpo.
10. Memory
Nesta actividade precisades de 20 tarxetiñas ou papeis dun tamaño igual. Tedes que debuxar en cada unha delas (facer en cada dúas o mesmo debuxo, é dicir, facendo parellas). A continuación, poñerédelas boca abaixo na mesa, mezclarédelas e tedes que tratar de ir descubrindo as que son parellas. Variante: facelo con máis tarxetas, ou con números no lugar de debuxos. Traballo da memoria e da confianza.
11. A pita cega
Nesta proposta precisamos de dúas persoas adultas. Temos que taparlle os ollos ao neno cun pano para que non poida ver. A continuación darémoslle un par de voltas sobre si mesmo e logo unha vez que se aproxime ás dúas persoas adultas (estar preto para evitar que choque con algún obxecto se non temos o suficiente espazo) terá que tratar de recoñecer á persoa á que lle está tocando coas súas mans na cara.
En caso de non poder facelo con dúas persoas adultas pódese facer con obxectos que teña que recoñecer o neno.
Preténdese un traballo de autocrontrol, de exploración a través dos sentidos, da relaxación e do autocoñecemento.
12. Debuxo musical.
Nesta última proposta o neno pode facer un debuxo con esta música de fondo relacionado con algún xogo/deporte que lle guste. Posteriormente, pedirémoslle que nos explique o que debuxou. Preténdese un traballo do autocrontrol, da relaxación e expresión a través da pintura.
Agardo que vos poidan ser de utilidade estes recursos. Poden comunicarse comigo a través deste blog, o espazo abalar ou dos enderezos electrónicos:
albertovf@edu.xunta.gal e albertovfeducacionfisica@gmail.com
Poden sacar fotos das actividades ou mesmo gravar os resultados e enviarmos.
Grazas pola súa colaboración e saúdos!
Alberto
Comments