top of page
Buscar
Alberto

Proposta semanal 3 para o alumando de 4º de EP

A continuación, deíxolles novas propostas para esta semana para os nen@s de 4º de Educación Primaria, tratando de ter en conta as limitacións espaciais das vivendas, as posibles limitacións de materiais para a práctica así como de persoas á hora de facer as propostas.

Estas son diferentes propostas entre as que podedes escoller, non tedes que levalas todas á práctica, tendo en conta os aspectos individuais de cada caso que comentaba anteriormente. Recórdovos que as actividades serán voluntarias e non se poderán avaliar a nivel académico.

1. Actívate!

Nesta proposta deíxovos o enlace dun vídeo de Gymvirtual, no que podedes seguir diferentes exercicios de quecemento para activar o voso corpo durante este período. Traballo de coordinación, desprazamentos, saltos, entre outos.


2. O penalti de balonmán

Norma: lanzar coa man. Nesta actividade podedes facer unha pelota con papel de periódico e cinta. Establecedes un punto de lanzamento e marcades unha portería por exemplo con dúas botellas ou outros dous obxectos. A continuación tirades o penalti tratando de meter gol. Variante: Podedes facelo cunha persoa na portería. Lanzar con ambas mans (tamén coa menos hábil motrizmente). Estou seguro que meteredes moitos goles!! Traballo da coordinación óculo - manual, dos lanzamentos e recepcións e da lateralidade.

3. Pelotas malabares

Os nen@s poden facer as súas propias pelotas malabares con globos e grans de arroz. Logo poden facer diferentes xogos manipulativos con elas, por exemplo o das pelotas malabares, intentando mantelas no aire sen que caian ao chan. Traballo da coordinación óculo - manual, autoconfianza e creación dos propios materiais de xogo.

Aquí o enlace dun vídeo no que explica de xeito moi claro os pasos a seguir:


4. Bailamos...nova coreo!

Os nen@s bailaran libremente esta canción coa finalidade de gozar e expresarse a través do movemento.

Traballo da desinhibición, expresión corporal, autoconfianza e autoestima.

Aquí o enlace dun novo vídeo dunha coreografía! Son só algunhas ideas, vós podedes facer os vosos propios pasos.

Quero vervos bailando!! Animádevos!

Incluso podedes gravarvos e logo ver o resultado! Será espectacular!

5. Wol - wol

Xogo de Papúa Nova Guinea. O nen@ ten que estar de pé e coas mans pegadas ao corpo. Ao sinal de "Xa" deben xirar e desprazarse sobre o seu eixe lonxitudinal ao mesmo tempo e na mesma dirección. Ao sinal de "Stop" teñen que deterse. Deben permanecer quiet@s sen caer ao chan mantendo o equilibrio. recísase dunha persoa adulta para formar unha parella e xogar entre dúas persoas.Traballo dos xiros, do equilibrio e do autocontrol do propio corpo.


6. O reloxo

Precisamos dunha persoa adulta ademais dunha corda ou dunha variña pequena.

Facer coma os movementos dunha agulla do reloxo a unha altura próxima ao chan e o nen@ cando lle vaia "a agulla" deberá salta sen tocala. Traballo dos saltos e da coordinación.


7. As 7 e media

Pódese elaborar nun taboleiro ou nunha folla de papel. O ideal sería poder facelo no chan, para o que poderíamos empregar por exemplo cinta adhesiva. Faríase a seguinte disposición:

Precisamos de tapóns de botellas.

A continuación, establecemos unha distancia de lanzamento e dende aí temos que tratar de conseguir coa suma dos diferentes lanzamentos "as 7 e media". Se o tapón queda encima dunha liña o seu valor é media.

Non podemos pasarnos de puntuación das 7 e media.

Variante: conseguir as 7 e media no menor número de lanzamentos posible.

Traballo dos lanzamentos, da coordinación óculo - man e coñecemento dun xogo tradicional de Galicia.


8. A caixa comeboliñas

Precisamos dunha caixa de zapatos. Na parte superior da caixa que podemos separar da parte inferior, temos que facer un pequeno buraco pola parte interior desta, aproximadamente á altura da metade na caixa. Logo faremos 5 pelotiñas de papel de periódico con cinta (teñen que coller polo furado que fixemos). A continuación, o nen@ colle a parte superior da caixa e deixando as pelotas dentro dela, ten que tratar de metelas polo buraco e que caian na parte inferior da caixa. O nen@ tamén pode facer un debuxo na parte de dentro da caixa. Traballo da coordinación óculo - man e creación dos propios materiais de xogo.


9. Pedra, papel e tesoira

Nesta actividade precísase dunha persoa adulta. O xogo consiste no tradicional pedra, papel e tesoira sacando as dúas persoas a man á vez e facendo o xesto característico que representa cada unha das opcións. Podedes establecer que gañe a persoa que antes consiga 3 puntos. Traballo da relaxación, do autocontrol e da confianza.


10. Frog dance

Trátase dun xogo de Myanmar. Precisamos de outra persoa. O nen@ e a persoa adulta sitúanse en cuclillas e deben intentar derribarse pero para iso non é válido o contacto. Hai que logralo mediante a astucia (por exemplo: facendo muecas, acercándose moito, ...).

Traballo dos desprazamentos, do equilibrio e do control do propio corpo.


11. A pita cega

Nesta proposta precisamos de dúas persoas adultas. Temos que taparlle os ollos ao nen@ cun pano para que non poida ver.

A continuación darémoslle un par de voltas sobre si mesm@ e logo unha vez que se aproxime ás dúas persoas adultas (estar preto para evitar que choque con algún obxecto se non temos o suficiente espazo) terá que tratar de recoñecer á persoa á que lle está tocando coas súas mans na cara.

En caso de non poder facelo con dúas persoas adultas pódese facer con obxectos que teña que recoñecer o nen@.

Preténdese un traballo de autocrontrol, de exploración a través dos sentidos, da relaxación e do autocoñecemento.


12. Presentación sobre O BRILÉ

A continuación deíxovos o enlace dunha presentación que elaborei coas principais regras e os aspectos máis relevantes dun xogo co que xa traballamos e que sei que vos gusta moito, o brilé. Tamén hai un pequeno vídeo. Agardo que sexa da vosa utilidade.

Traballo relacionado co coñecemento dun xogo de cooperación - oposición co que xa traballamos nas sesións de EF.



Agardo que vos poidan ser de utilidade estes recursos. Poden comunicarse comigo a través deste blog, o espazo abalar ou dos enderezos electrónicos:

albertovf@edu.xunta.gal e albertovfeducacionfisica@gmail.com

Poden sacar fotos das actividades ou mesmo gravar os resultados e enviarmos.

Grazas pola súa colaboración e saúdos!


Alberto

32 visualizaciones0 comentarios

Comments


Post: Blog2_Post
bottom of page