A continuación, deíxolles novas propostas para esta semana para os nen@s de 5º de Educación Primaria, tratando de ter en conta as limitacións espaciais das vivendas, as posibles limitacións de materiais para a práctica así como de persoas á hora de facer as propostas. Estas son diferentes propostas entre as que podedes escoller, non tedes que levalas todas á práctica, tendo en conta os aspectos individuais de cada caso que comentaba anteriormente. Recórdovos que as actividades serán voluntarias e non se poderán avaliar a nivel académico. 1. O imitador/ A imitadora. Precísase dunha persoa adulta. Neste caso o nen@ desprázase e a persoa adulta debe imitar os seus movementos e todo o que faga. A continuación cambio de rol, e o nen@ debe imitar todos os movementos da persoa adulta. Traballo de desinhibición e expresión a través do corpo. 2. O penalti Nesta actividade podedes facer unha pelota con papel de periódico e cinta. Establecedes un punto de lanzamento e marcades unha portería por exemplo con dúas botellas ou outros dous obxectos. A continuación tirades o penalti tratando de meter gol. Variante: podedes facelo cunha persoa na portería. Estou seguro que meteredes moitos goles xa que os nen@s de 3º xogades moi ben ao fútbol!! Ánimo! Traballo da coordinación óculo - pe, dos lanzamentos e recepcións. 3. A raia Nesta actividade débese establecer unha raia ou marca de referencia no chan, podemos colocar un obxecto para ter a referencia. Previamente faremos dúas pelotas de papel de periódico e cinta adhesiva. Logo, dende unha distancia pactada, lanzamos cada persoa a súa pelota e gañará a que a deixe máis próxima á raia. Traballo dos lanzamentos e da percepción espacial. 4. Nova sesión de ioga Aquí vos deixo un novo enlace cunha segunda sesión de ioga para nen@s neste caso de Nicole Huber, na que se traballa a relaxación, a respiración, a flexibilidade e o control postural, o autocontrol ou a canalización de enerxía entre outros aspectos. Agardo que vos guste.
5. Carreira de obstáculos Nesta actividade precisamos de varios obxectos do tamaño similar a unha lata de refresco. Imaxinádevos que o facemos con latas de refresco. Colocaríamos 5 latas en liña recta cunha separación entre elas de 1 metro aproximadamente. Facendo pois, dúas liñas de carreira. A continuación, poñemos unha marca de saída. Dende aí, diante dunha ringleira colocarase o nen@ e diante da outra a persoa adulta. Posición de cuadrupedia (é dicir, apoiando as dúas mans e os dous pés no chan) e ao sinal de "Xa", temos que chegar ao final da ringleira o máis rápido posible e sen derribar ningunha lata. Gaña quen antes o consiga. Variante: facer a ida desa forma e a volta, correndo de pé e facendo un zig-zag entre as botellas. Traballo dos desprazamentos, da coordinación e da organización espacial. 6. As chapas Neste xogo pódese facer un recorrido cun bolígrafo/rotulador sobre un cartón ou folla de papel ou mesmo facer un pequeno circuíto no chan con algún material como fio de lá ou delimitándoo con outros obxectos. Logo, débese recorrer o circuíto con chapas (pódense cambiar por tapóns de botellas). Se xogades de forma individual podedes pintar os tapóns de distintas cores e facer unha carreira, golpeando cada vez un tapón. Gañaría a cor coa que antes crucedes a meta. Variante: facer unha carreira con outra persoa tendo cada unha a súa chapa. Traballo da coordinación óculo - manual e da organización espacial. 7. Atrapa a pelota Facemos 5 pelotiñas pequenas con papel de periódico e cinta (que collan nun envase de iogur). Precisamos tamén 5 envases de iogur. A continuación o nen@ sepárase a uns 3 metros de distancia aproximadamente. A persoa adulta lanza as pelotiñas polo aire e o nen@ ten que atrapalas cos envases. Logo, cambiar os roles. Variante: limitarlle a que as recolla só coa man dereita e logo só coa esquerda ou limitar os lanzamentos primeiro cunha man e a continuación coa outra. Traballo dos lanzamentos e recepcións, da lateralidade e da coordinación óculo - man. 8. Bailamos... nova coreo! Os nen@s bailaran libremente esta canción coa finalidade de gozar e expresarse a través do movemento. Traballo da desinhibición, expresión corporal, autoconfianza e autoestima. Aquí o enlace dun vídeo con algúns pasos ou ideas para os nen@s de 6º! Animádevos a crear os vosos propios pasos e mesmo a gravar o resultado! Seguro que faredes cousas fantásticas!!
9. Exercicios de quecemento Nesta proposta deíxovos o enlace dun vídeo de Gymvirtual, no que podedes seguir diferentes exercicios de quecemento para activar o voso corpo durante este período. Traballo de coordinación, desprazamentos, saltos, entre outos.
10.Visionado do vídeo Informe Robinson - Número 1. A continuación deíxovos o enlace dun vídeo sobre o triatleta Javier Gómez Noya. Este é algún do seu extenso palmarés: 5 veces campión do mundo 4 veces campión de Europa 1 medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Londres
A continuación gustaríame que contestárades ás seguintes preguntas:
Que pensas que pretende transmitirnos o vídeo con esta experiencia?.
Cal pensas que é o motivo polo que Gómez Noya segue practicando o seu deporte logo de tantos éxitos?.
Busca na rede o exemplo dun ou dunha deportista que tivera algún problema (enfermidade, accidente, ...) e pese a iso, seguise practicando deporte. Cal pensas que é o motivo que os leva ou as leva a iso?.
Por último, reflexiona brevemente sobre 3 valores ou actitudes que poidamos sacar deste vídeo ou que teña calquera deportista e que poidamos empregar na nosa vida diaria.
11. Presentación sobre BALONCESTO A continuación deíxovos o enlace dunha presentación que elaborei coas principais regras dun deporte co que xa traballamos, o baloncesto. Nela tamén van vídeos explicativos de aspetos como os pasos, as faltas, ... Agardo que sexa da vosa utilidade. Traballo relacionado cos principais aspectos dun deporte traballado nas sesións de EF. https://prezi.com/view/r6FelzDejbP1cE6su332
Sei que nesta clase hai grandes amantes deste deporte e deíxovos o enlace dunha canción que sei que vos gusta especialmente, dedicada a un dos grandes xogadores de baloncesto, Kobe Bryant.
12. A letra secreta Precísase de outra persoa para levalo acabo. A persoa adulta sitúase por detras das costas do nen@ e cun dedo ten que facer nas costas do máis pequen@ unha. O nen@ que está situado por diante e cos ollos tapados ten que adiviñalo. A continuación cambiar o rol. Variante: facelo con número e con palabras curtas. Traballo de conciencia do propio corpo e relaxación. Agardo que vos poidan ser de utilidade estes recursos. Poden comunicarse comigo a través deste blog, o espazo abalar ou do enderezo electrónico albertovf@edu.xunta.gal. Podedes sacar fotos das actividades ou mesmo gravar os resultados. Grazas pola súa colaboración e saúdos! Alberto
Comments