top of page
Buscar
Alberto

Proposta semanal 2 para o alumnado de 2º de EP

A continuación, deíxolles novas propostas para esta semana para os nen@s de 2º de Educación Primaria, tratando de ter en conta as limitacións espaciais das vivendas, as posibles limitacións de materiais para a práctica así como de persoas á hora de facer as propostas.

Estas son diferentes propostas entre as que podedes escoller, non tedes que levalas todas á práctica, tendo en conta os aspectos individuais de cada caso que comentaba anteriormente. Recórdovos que as actividades serán voluntarias e non se poderán avaliar a nivel académico.


1. O imitador/ A imitadora.

Precísase dunha persoa adulta. Neste caso o nen@ desprázase e a persoa adulta debe imitar os seus movementos e todo o que faga. A continuación cambio de rol, e o nen@ debe imitar todos os movementos da persoa adulta. Traballo de coñecemento do propio corpo, desprazamentos ou coordinación.


2. A raia

Nesta actividade débese establecer unha raia ou marca de referencia no chan, podemos colocar un obxecto para ter a referencia. Previamente faremos dúas pelotas de papel de periódico e cinta adhesiva. Logo, dende unha distancia pactada, lanzamos cada persoa a súa pelota e gañará a que a deixe máis próxima á raia. Traballo dos lanzamentos e da percepción espacial.


3. Xogo "A corda".

Con 2 botes de iogur líquido e un anaco de corda ou lá poden construír a súa propia corda. Que formas de saltos podedes propoñer?, Sodes capaces de saltar máis dunha persoa á vez?, Cal é o número máximo de saltos que conseguístedes?, Sodes capaces de saltar dándolle á corda para atrás?. Ánimo!

Traballo de saltos, cordinación así como da autoconfianza.


4. Carreira de obstáculos

Nesta actividade precisamos de varios obxectos do tamaño similar a unha lata de refresco. Imaxinádevos que o facemos con latas de refresco. Colocaríamos 5 latas en liña recta cunha separación entre elas de 1 metro aproximadamente. Facendo pois, dúas liñas de carreira.

A continuación, poñemos unha marca de saída.

Dende aí, diante dunha ringleira colocarase o nen@ e diante da outra a persoa adulta. Posición de cuadrupedia (é dicir, apoiando as dúas mans e os dous pés no chan) e ao sinal de "Xa", temos que chegar ao final da ringleira o máis rápido posible e sen derribar ningunha lata. Gaña quen antes o consiga.

Variante: facer a ida desa forma e a volta, correndo de pé e facendo un zig-zag entre as botellas.

Traballo dos desprazamentos, da coordinación e da organización espacial.


5. Atrapa a pelota

Facemos 4 pelotiñas pequenas con papel de periódico e cinta (que collan nun envase de iogur). Precisamos tamén 4 envases de iogur. A continuación o nen@ séntase a uns 2 metros de distancia aproximadamente.

A persoa adulta lanza as pelotiñas rodando polo chan e o nen@ ten que atrapalas cos envases. Logo, cambiar os roles.

Variante: lanzalas polo aire, que o nen@ poida estar de pé, limitarlle a que as recolla só coa man dereita e logo só coa esquerda ou limitar os lanzamentos primeiro cunha man e a continuación coa outra.

Traballo dos lanzamentos e recepcións, da lateralidade e da coordinación óculo - man.


6. O mega salto

Collendo carreira o nen@ ten que facer un salto dende unha marca do chan. Tres intentos para conseguir o salto de maior lonxitude. Traballo de saltos e coordinación.


7. O reloxo

Precisamos dunha persoa adulta ademais dunha corda ou dunha variña pequena.

Facer coma os movementos dunha agulla do reloxo a unha altura próxima ao chan e o nen@ cando lle vaia "a agulla" deberá salta sen tocala. Traballo dos saltos e da coordinación.


8. Bailamos

Os nen@s bailaran libremente esta canción coa finalidade de gozar e expresarse a través do movemento.

Traballo da desinhibición, expresión corporal, autoconfianza e autoestima.

Aquí o enlace dun vídeo con algúns pasos ou ideas para as grandes bailarinas e bailaríns que hai en 2º!! Non fai falla máis que ver os vosos bailes do Nadal ou do Entroido!

Estas son só algunhas ideas, sei que vós sodes capaces de crear os vosos propios pasos!!


9. Frog dance

Trátase dun xogo de Myanmar. Precisamos de outra persoa. O nen@ e a persoa adulta sitúanse en cuclillas e deben intentar derribarse pero para iso non é válido o contacto. Hai que logralo mediante a astucia (por exemplo: facendo muecas, acercándose moito, ...).

Traballo dos desprazamentos e do equilibrio.


10. A caixa comeboliñas

Precisamos dunha caixa de zapatos. Na parte superior da caixa que podemos separar da parte inferior, temos que facer un pequeno buraco pola parte interior desta, aproximadamente á altura da metade na caixa.

Logo faremos 5 pelotiñas de papel de periódico con cinta (teñen que coller polo furado que fixemos).

A continuación, o nen@ colle a parte superior da caixa e deixando as pelotas dentro dela, ten que tratar de metelas polo buraco e que caian na parte inferior da caixa.

O nen@ tamén pode facer un debuxo na parte de dentro da caixa.

Traballo da coordinación óculo - man.


11. O número secreto

Precísase de outra persoa para levalo acabo. A persoa adulta sitúase por detras das costas do nen@ e cun dedo ten que facer nas costas do máis pequen@ un número. O nen@ que está situado por diante e cos ollos tapados ten que adiviñalo. A continuación cambiar o rol. Variante: facelo con letras. Traballo de conciencia do propio corpo e relaxación.


12. A roda da masaxe

Nesta proposta precisan dunha persoa adulta da casa. Trátase de facer unha masaxe nas costas da outra persoa. Pode comezar o nen@ e logo cambiar de rol. Pode unirse toda á familia á roda da masaxe. Animádevos! Traballo do autocontrol, do coñecemento do noso corpo así como da relaxación.


Agardo que vos poidan ser de utilidade estes recursos. Poden comunicarse comigo a través deste blog, o espazo abalar ou do enderezo electrónico albertovf@edu.xunta.gal. Podedes sacar fotos das actividades ou mesmo gravar os resultados.


Grazas pola súa colaboración e saúdos!


Alberto


36 visualizaciones0 comentarios

Comments


Post: Blog2_Post
bottom of page