top of page
Buscar
Alberto

Proposta semanal 2 para o alumnado de 1º de EP

A continuación, deíxolles novas propostas para esta semana para os nenos de 1º de Educación Primaria, tratando de ter en conta as limitacións espaciais das vivendas, as posibles limitacións de materiais para a práctica así como de persoas á hora de facer as propostas.

Estas son diferentes propostas entre as que podedes escoller, non tedes que levalas todas á práctica, tendo en conta os aspectos individuais de cada caso que comentaba anteriormente. Recórdovos que as actividades serán voluntarias e non se poderán avaliar a nivel académico.

1. O imitador/ A imitadora.

Precísase dunha persoa adulta. Neste caso o neno desprázase e a persoa adulta debe imitar os seus movementos e todo o que faga. A continuación cambio de rol, e o nen@ debe imitar todos os movementos da persoa adulta. Traballo de coñecemento do propio corpo, desprazamentos ou coordinación.


2. Troncos rodantes

Nesta proposta os nenos teñen que desprazarse rodando polo chan dun lado para o outro sen chocar contra ningún obxecto. Variante: A persoa adulta trata de escaparlle ao neno mentres este/a tratar de "pillarnos". Traballo de diferentes formas de desprazamento e da organización espacial.


3. A raia

Nesta actividade débese establecer unha raia ou marca de referencia no chan, podemos colocar un obxecto para ter a referencia. Previamente faremos dúas pelotas de papel de periódico e cinta adhesiva. Logo, dende unha distancia pactada, lanzamos cada persoa a súa pelota e gañará a que a deixe máis próxima á raia. Traballo dos lanzamentos e da percepción espacial.


4. Carreira de obstáculos

Nesta actividade precisamos de varios obxectos do tamaño similar a unha lata de refresco. Imaxinádevos que o facemos con latas de refresco. Colocaríamos 5 latas en liña recta cunha separación entre elas de 1 metro aproximadamente. Facendo pois, dúas liñas de carreira.

A continuación, poñemos unha marca de saída.

Dende aí, diante dunha ringleira colocarase o neno e diante da outra a persoa adulta. Posición de cuadrupedia (é dicir, apoiando as dúas mans e os dous pés no chan) e ao sinal de "Xa", temos que chegar ao final da ringleira o máis rápido posible e sen derribar ningunha lata. Gaña quen antes o consiga.

Variante: facer a ida desa forma e a volta, correndo de pé e facendo un zig-zag entre as botellas.

Traballo dos desprazamentos, da coordinación e da organización espacial.


5. Atrapa a pelota

Facemos 4 pelotiñas pequenas con papel de periódico e cinta (que collan nun envase de iogur). Precisamos tamén 4 envases de iogur. A continuación o neno séntase a uns 2 metros de distancia aproximadamente.

A persoa adulta lanza as pelotiñas rodando polo chan e o neno ten que atrapalas cos envases. Logo, cambiar os roles.

Variante: lanzalas polo aire, que o neno poida estar de pé, limitarlle a que as recolla só coa man dereita e logo só coa esquerda ou limitar os lanzamentos primeiro cunha man e a continuación coa outra.

Traballo dos lanzamentos e recepcións, da lateralidade e da coordinación óculo - man.


6. As cores

O neno desprázase libremente polo espazo e a persoa adulta di diferentes cores. Se por exemplo di amarelo, o neno ten que tocar algo de cor amarelo o máis rápido posible e así sucesivamente. Traballo dos desprazamentos e da organización espacial.


7. O mega salto

Collendo carreira o neno ten que facer un salto dende unha marca do chan. Tres intentos para conseguir o salto de maior lonxitude. Traballo de saltos e coordinación.

8. A caixa comeboliñas

Precisamos dunha caixa de zapatos. Na parte superior da caixa que podemos separar da parte inferior, temos que facer un pequeno buraco pola parte interior desta, aproximadamente á altura da metade na caixa.

Logo faremos 5 pelotiñas de papel de periódico con cinta (teñen que coller polo furado que fixemos).

A continuación, o neno colle a parte superior da caixa e deixando as pelotas dentro dela, ten que tratar de metelas polo buraco e que caian na parte inferior da caixa.

O neno tamén pode facer un debuxo na parte de dentro da caixa.

Traballo da coordinación óculo - man.


9. O reloxo

Precisamos dunha persoa adulta ademais dunha corda ou dunha vara pequena.

Facer coma os movementos dunha agulla do reloxo a unha altura próxima ao chan e o neno cando lle vaia "a agulla" deberá salta sen tocala. Traballo dos saltos e da coordinación.


10. Bailamos

Os nenos bailaran libremente esta canción coa finalidade de gozar e expresarse a través do movemento.

Traballo da desinhibición, expresión corporal, autoconfianza e autoestima.

11. O número secreto

Precísase de outra persoa para levalo acabo. A persoa adulta sitúase por detras das costas do neno e cun dedo ten que facer nas costas do máis pequeno un número. O neno que está situado por diante e cos ollos tapados ten que adiviñalo. A continuación cambiar o rol. Variante: facelo con letras. Traballo de conciencia do propio corpo e relaxación.


12. A roda da masaxe

Nesta proposta precisan dunha persoa adulta da casa. Trátase de facer unha masaxe nas costas da outra persoa. Pode comezar o neno e logo cambiar de rol. Pode unirse toda á familia á roda da masaxe. Animádevos! Traballo do autocontrol, do coñecemento do noso corpo así como da relaxación.


Agardo que vos poidan ser de utilidade estes recursos. Poden comunicarse comigo a través deste blog, o espazo abalar ou do enderezo electrónico albertovf@edu.xunta.gal. Podedes sacar fotos das actividades ou mesmo gravar os resultados.


Grazas pola súa colaboración e saúdos!


Alberto

25 visualizaciones0 comentarios

Comments


Post: Blog2_Post
bottom of page