Ola familias!! Que tal estades?
Arrancamos unha nova avaliación!!
Diferente, pero con moitas ganas de facer novas cousas, de seguir aprendendo e ao mesmo tempo divertirnos.
Penso que non son tempos de imposición, senón de adaptación e de ter en conta todas as circunstancias especiais que poidades ter cada unha das familias. Dende situacións nas que seguides cos vosos traballos habituais, casos nos que non se dispón dos medios tecnolóxicos e informáticos precisos ou incluso a falta de formación con estes equipos e tecnoloxías para poder axudarlle aos vosos fillos e fillos, entre outras moitas circunstancias, todas elas comprensibles.
A maiores, e en relación á Educación Física ou a calquera das áreas que imparto, súmanse as posibles limitacións de espazo que poida ter cada quen nas súas vivendas, o estado emocional no que se atopen os nenos e nenas, as limitacións de materiais ou mesmo o número de persoas para facer unha práctica ou actividade física.
Polo que ao igual que no remate da anterior avaliación subirei unha serie de propostas e actividades entre as que podedes escoller UNHA que se adapte ás circunstancias de cada quen. Todo isto supeditado ata a publicación das instruccións por parte da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional.
Estades asumindo a maiores das vosas actividades unha parte moi importante da nosa como docentes, algo polo que sen dúbida temos que darvos as grazas.
Como mestre de Educación Física, considero que non hai maior mostra física que a que estamos vendo por parte dos nenos e nenas, que levan cinco semanas dentro dos seus fogares converténdose nun verdadeiro exemplo para a sociedade e para nós como adultos en especial.
Pola miña parte, continuarei subindo actividades semanais ao blog (tamén a Padlet para facilitar a impresión de aquelas familias que non conten con conexión a Internet e lles poidan entregar os recursos) e estarei encantado de recibir todas as vosas actividades, vídeos, fotografías así como facer as correccións, valoracións e comentarios para cada caso. Estou á vosa disposición a través das canles que coñecedes.
Grazas pola vosa axuda e moito ánimo!
Un saúdo.
Alberto
Comments